Monday 06 de May de 2024

Os concellos do proxecto de xeoparque organizan máis de 50 xeorrutas para este verán


As primeiras, que percorrerán esta fin de semana enclaves de Cedeira, San Sadurniño e Moeche, teñen xa aberta a inscrición en liña

 

O Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa volve poñerse á fronte dos itinerarios estivais que nos permitirán descubrir toda a riqueza xeolóxica que garda o noso territorio. Entre xullo e setembro desenvolveranse máis de medio cento de xeorrutas que, de facerse todas, ofrecen unha visión moi detallada das especificidades de toda a área do ámbito do proxecto. As primeiras desenvolveranse esta fin de semana por Cedeira, San Sadurniño e Moeche.

Así, no caso de Cedeira, este venres 2 de xullo de 10 a 16.00h poderemos achegarnos ao fenómeno da praia de area negra de Teixidelo, única no mundo de orixe non volcánica, mentres que o domingo 4 pola tarde -16.30 a 20.30h- o itinerario levaranos pola zona dos cantís entre Santo André e a Punta do Cadro admirando unha paisaxe de rochas xurdidas de ata máis de 70 Km. de profundidade que en certos puntos aparecen asociadas a minerais coma o cromo ou o platino. As inscricións para a xeorruta do venres poden facerse aquí, e as do domingo pola tarde nestoutro formulario.

O sábado 3 de xullo, as xeorrutas trasládanse a Naraío -no concello de San Sadurniño- para ver entre as 10 e as 14.00h a formación das pías e dos bolos graníticos. Haberá dúas paradas, unha ao pé do castelo medieval e outra na parte máis elevada do Forgoselo, que marca o límite sur do ámbito do proxecto de Xeoparque. As inscricións poden facerse neste formulario.

O domingo 4 de xullo pola mañá, entre as 10.00 e as 14.00h, dous grupos de ata 10 persoas cada un poderán entrar nas galerías de Mina Piquito, en Moeche. Trátase dun xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Esta ruta ten un custe de 10 euros e nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos. No formulario de inscrición indícase o número de conta no que se deberá facer o ingreso e o correo ao que cumprirá enviar o xustificante.

Alén destas seis primeiras xeorrutas do verán, ata o mes de setembro o territorio acollerá máis de medio cento de itinerarios de coñecemento xeolóxico, cultural e ambiental promovidos polos sete concellos implicados no Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Para participar nestas rutas -na súa maioría de dificultade baixa- cómpre prestarlle atención ao calendario publicado en Google Calendar con todas as datas, onde figuran as ligazóns aos formularios de reserva que adoitan activarse 15 días antes para dar tempo suficiente de que se xunte un grupo mínimo de participantes. Cómpre andar con lixeireza, posto que as prazas son limitadas e adoitan esgotarse ás poucas horas.

Outras excursións serán as do Granate, o Litoral e os Cantís (Cedeira), as do Toelo en Moeche -ademais doutras dúas sobre a explotación mineira do cobre compartidas con Cerdido-, as das Lavas e os Volcáns en Ortigueira e tamén a dos Penidos, que percorrerá no mesmo municipio os afloramentos de ecloxitas que acaban de ser recoñecidos polo IGME como novo GEOSITE de relavancia internacional. Tamén están previstas xeorrutas en Valdoviño e Cariño, que se incorporarán proximamente ao calendario .